3.9.1.2. Actuación do P.G. na cuestión agraria e no problema do ferrocarril
No atomizado panorama organizativo do agrarismo
dos anos trinta o P.G. ten como unha das tarefas principais atraguer,
concienciar e unir ó maior número posible de sociedades agrarias
existentes, e crealas alí onde non existisen. Mencionaremos de seguida
as sociedades agrarias das que temos constancia documental de que eran,
nalgunha medida, afectas ó P.G., por telo invitado a dar mitins e
conferencias para os seus afiliados, ou ben por asistiren con interés,
e mesmo entusiasmo, ós actos galeguistas. Son as seguintes: Vilaxoan,
Centro Agrario de Viascón e labradores de San Xurxo, «Sociedad
Agraria de Cesantes», Salceda, Aurora de Sárdoma, Sociedades
Agrarias da comarca de Xinzo de Limia, Sociedad Agraria de Viso (Redondela), Sindicato Agrario de Ouces (Bergondo),
«Sociedad
Agraria de Caroi», Sociedades Agrarias dos contornos de Buxán, «Sociedad Agraria de Cobas», Sociedades Agrarias dos arredores
de Lugo, Sociedad Agropecuaria de Bando (perto de Santiago), Federación
Agraria de Negreira e Federación Agraria de Ordes (307). A estas hai que
engadir as que estaban orgánicamente unidas ó P.G. (308)
e algunhas
outras na comarca do Condado (309) , na zona da Estrada e en xeral na
provincia de Pontevedra, de xeito moi marcado no extremo sudoccidental,
de Tomiño a Tui, onde residía o principal líder agrario do P.G., Alonso
Rios. Tanto por ser este membro destacado do partido obxecto de estudio,
como por operar nunha xurdia e vizosa entidade agraria cal era a «Federación Agraria Provincial» de Pontevedra, cremos
comenente deternos un chisco a analisar, sequera seña superficialmente,
o agrarismo na provincia pontevedresa onde o P.G. conqueriu ter
considerable influxo.
A «Federación Provincial Agraria»
xurde a mediados de xuño de 1932 no congreso celebrado en Lavadores,
agrupando ós agrarios de Vigo, Lavadores, Vilaboa, Pontevedra (de
tendencia comunista), Ponteareas, Porriño, Vilagarcía, Redondela,
Salvaterra, Tui e Tomiño. Para dirixir esta Federación, que nace xa moi
politizada con proclividade esquerdista (310)
foi elexido un «Consejo
directivo provisional» do que formaba parte Antonio Alonso Ríos,
representando a Tomiño. Noustante o dirixente galeguista non figura de
momento na máxima cúpula dirixente que estaba liderada polo radical
Ramón Alonso (Presidente), seguido de Manuel Aldecoa (Vicepresidente),
Indalecio Tizón (Secretario), Cándido Pampillón (Vicesecretario) e
Manuel Rodríguez (Tesoreiro).
En maio a F.A.P. escomenza a camiñar cara a sua conversión no
«Partido Agrario Gallego», decidido a pular unha «política netamente agraria», pretendendo organizarse en toda
Galicia, pero non fora dela. Nisto e nas suas bases
programáticas (311) advirtese un claro influxo galeguista. Por certo
que caiu moi mol no despacho de dirección de periódico de Portela
Valladares, a nova da pretensión de estructurar nun partido político
ás organizacións agrarias de Galicia. En efecto, o editorialista de «El Pueblo Gallego»
(312) temía que se constituise un partido
agrario rixidamente disciplinado, que suprimise a flexibilidade que
deica entón tivera o movimento agrario para optar en cada momento
electoral por un determinado candidato. Causa abraio a transparencia con
que se expresa o perigo que elo supuña para o manteñemento da base
electoral de Portela Valladares, que xogara sempre a fondo a carta do
agrarismo. Por esta razón invoca as tentativas sempre fallidas que
deica entón se fixeran en tal senso; somentes unha vegada se conquerira
a unidade agraria na fantasmal «Confederación Regional», que
viviu só nominalmente, segundo «E.P.G.» O cabo, minimiza a
importancia da F.P.A. decindo que únicamente agrupaba ás sociedades
agrarias dunha parte da provincia de Pontevedra. Pero o certo era que a
F.P.A. tiña unha implantación moi considerable. Estaban adheridas a
ela: a Federación de Nigrán, con máis de 800 afiliados (313), a
Federación Agraria de Tomiño, con mais de 1.600 afiliados (314)
a F.A. de
Lavadores, a F.A. de Mos (315), a F.A. de
Porriño
(316) a F.A. de
Redondela (317), Sindicatos agrícolas de Frades e Cargamala (Mondariz), e
tamén Barciademera xunto con Castelanes (Covelo), a F. Municipal
Agraria de Pontevedra con 700 asociados (318), a F.A. da Estrada
(319) a F.A.
de Vilagarcía (320), e outras que non poidemos averiguar cales eran, ata
completar un total de 14 federacións, entre as comarcais e municipais,
que englobaban a 280 asociacións agrarias (321). En total sobrepasaba con
moito a cifra de 20.000 asociados (322). Ademais contaba con algúns
núcleos na provincia coruñesa (especialmente en Cambre), onde estaba
realizando traballos para crear a «Federación Provincial de Ia Coruña», e en maior medida na de Ourense, onde se chegou a
constituir. Sobrada razón tiña polo tanto «El Pueblo Gallego»
para preocuparse, do que era signo inequívoco que lle adicase o
editorial na primeira páxina. De tódolos xeitos, a tentativa política
que encarna o «Partido Agrario Galego» experimenta un forte
revés, que problematiza o seu futuro, cando se presenta as eleccións
xerais de 1933 na compaña do P.G. e doutros partidos republicanos, e
non conquire que saise elexido ningún dos seus candidatos: Ramón
Alonso Martínez (Presidente) e Antón Alonso Rios (vicepresidente).
Terá que agardar as eleccións de 1936 para acadar un éxito neste
terreo.
No primeiro bienio o P.A.G. funciona máis
eficazmente como asociación agraria ten un notable papel na protesta
descontra o tratado comecial co Uruguai que como entidade política. Os
seus asociados, pesia estar obrigados disciplinariamente a votar pola «Candidatura de Izquierda Republicana», na práctica
desacatan en gran medida a orde de voto. Orabén, a F.A.P. desempeña un
rol político importante, ainda que non electoral, apoiando o Estatuto
de autonomía.
Outro feito destacable na vida da F.P.A. foi a
conversión en «Sindicato Agrícola» en novembro de 1933,
acolléndose a Lei do 16 de xaneiro de 1906, de xeito que quedaba excluida dos impostos do timbre e dereitos
reais (323). Tivo lugar esta
transformación polo feito de que na Lei de Asociacións republicana
figuraban como suxeitos promotores de asociacións, os obreiros e os
empresarios, pero non os pequenos propietarios que cultivaban por sí
mesmos a terra (324).
O Partido Galeguista chegou a ter un influxo
considerable no campesinado da provincia pontevedresa, non tanto polos
seus Grupos, como polo feito de contar cun líder da categoría de Alonso
Rios, que chegou a ser vicepresidente da F.P.A. neste período e obtivo
ademais a máxima votación para ser candidato a diputado pola
Federación (325). Era Alonso
Rios un gran orador de masas e un activista
incansable, que ollamos aparecer sistemáticamente en cantos actos
organiza a F.P.A., desempeñando decote un papel brillante. Contaba
ademais co apoio de Suarez Picallo, que esporádicamente acudía as
asambleas da F.P.A. ostentando a representación da «Federación de
Sociedades Agrarias de Bos Aires» (326). De tódolos xeitos temos a
impresión de que tanto nesta provincia como nas restantes de Galicia tiña superior peso no movimento agrario o Partido
Radical (327).
No período que nos ocupa, as cuestións que en
maior medida preocupaban as asociacións agrarias, e que saen a relocir
con máis frecuencia nos seus congresos (328), son a dos foros, o
minifundismo, a desgravación da contribución territorial para os
pequenos agricultores e a exención da urbana para os alboios (ou cando
menos a evitación dos continuos aumentos de tributación), a libre
destilación do bagazo, as restriccións na importación do millo, a
introducción de carne conxelada procedente de América e o
proteccionismo gandeiro. De todos eles os que máis protestas suscitaron foron: o dos foros, que non foi decididamente arrostrado
pola lexislación republicana, ocasionándo así constantes escritos de
protesta (329), mitins antiforistas
(330) e interpelacións parlamentarias, e
o da importación das carnes conxeladas. Sobor deste último problema,
sabemos que antes de que se cumplise o primeiro ano da existencia do
réxime republicano producense baixas no precio da carne por mor da
competencia dos continxentes de carne conxelada americana, e
conseguintemente teñen lugar os primeiros actos de protesta, como a
manifestación de labregos que tivo lugar en Lugo en febreiro de 1932 (331).
Pero foi no vran do ano seguinte cando a protesta arreciou con
máis forza dada a inminente tramitación nas Cortes do tratado
comercial co Uruguai, que perxudicaba grandemente a economía campesiña
de Asturias, Santander e Galicia. O Goberno Casares Ouiroga incluido
dera a sua aprobación ó tratado que soamente precisaba para entrar en
vigor do trámite de ratificación polo Parlamento. A oposición dos
parlamentarios galegos, con excepción dos socialistas que estaban
dispostos a votar co Goberno (332), conqueriu conxelar o acordo co Uruguai.
As presións do cónsul deste país, xunto cos intereses pesqueiros
(favorecidos polas contrapartidas do tratado) e a forza de Casares Quiroga, non poideron doblegar o movimento de protesta que tivo lugar en
toda Galicia, destacando ás grandes manifestacións e mitins dos
agrarios e demais «forzas vivas» que se produciron, no mes de
xullo con especial intensidade, nas cidades de Vigo (organizada pola
F.A.P.), Lugo, Monforte, Pontevedra e Coruña, e que contaban ademais
co apoio do P.R.G. (333). Agora ben, este partido estaba dividido entre os
partidarios de ratificar o tratado seguindo ó seu líder Casares (334), e
os contrarios ó mesmo, como Laureano Gómez Paratcha, que pasou a
ocupar a carteira de Industria e Comercio a raiz da crise gubernamental
de setembro de 1933. Foi, xa que logo, a actitude dos parlamentarios
galegos (335) apoiados pela opinión pública, en unión da crise da
maioría gobernante, o que permitiu que de momento se alonxara o perigo.
En toda a loita descontra da aprobación do
tratado co Uruguai o P.G. xogou un papel básico. Foi Suarez Picallo quen convocou ós deputados por Galicia e Santander para tracexar unha
estratexia parlamentaria (consistente en pedir o quorum) de oposición
ó Tratado, enfrentándose a quen, como Azpiazu e Osorio Tafall,
pensaban máis en pedir compensacións que o fixeran menos lesivo, que
en opoñerse, e conquerindo o cabo que prevalecera o eu criterio (336). Polo demais, incitou ó movimento de protesta, pedindo a unión de
todolos galegos para opoñerse «[...] as disparatadas e
perxudiciales disposicións do Poder Central» (337), e tivo unha
destacada participación nel actuando os seus dirixentes como oradores
en varios mitins (338).
O marxe da actuación neste importante
conflicto, a política agraria do P.G. tivo como principais eixos
conquerir a inembargabilidade e exención tributaria da pequena
propiedade rústica, de cara a consecución da cal presentou nas Cortes
un proxecto de lei que fracasou por opoñerselle socialistas e bastantes
deputados da minoría da F.R.G. (339); plantexar que Galicia quedara ó
marxe da Lei de Reforma Agraria, no que lograron a sua pretensión a
pesares dos socialistas (340); crear nos labregos «conciencia de
cras» (341); atraguer o agrarismo ó eido do galeguismo: «A hora que
chega, pois, sólo será fecunda para a causa agraria, si ésta se
identifica denantes coa causa galega» (342). Alonso Rios foi quen con
maior adicación e resultados se entregou a devandita laboura (343).
Agora
ben, a política do P.G. tendente a acada-la adhesión das sociedades
agrarias, non implicaba, no primeiro ano de existencia do partido, que
quixera que se afiliasen a el. Contrariamente percura só a sua simpatía, por entender que era en termos xerais contraproducente que o
agrarismo se encadrara nos partidos políticos, polo risco de división
do movimento agrario (xa dabondo esfarelado) que tal cousa entrañaría.
Somentes a partires da sua II Asamblea troca de punto de vista e
escomenza a afiliar ás sociedades agrarias que estaban na sua órbita (344). Neste mesmo senso,
vía ben que o agrarismo intervira nas eleccións
municipais, pero non nas xerais. Isto tamén en 1932 (345),
posto que en
1933 non ten incomenente en ir ás eleccións ó Parlamento pola provincia de Pontevedra na
campaña da Federación Agraria Provincial e
doutros partidos. Preconizaba o P.G. a unidade dos agrarios, pero a un nivel que non sobrepasara o marco de Galicia, en consecuente
aplicación do principio de autoorganización nacional que encarnaba el
no eido político (346). Para chegar a conseguir unha organización agraria
a un nivel superior ó dunha soa provincia, obxectivo polo que se
pronuncia Alonso Rios nun importante mitin celebrado en Sobredo (347), e
tamén para exercer un influxo galeguizador, o P.G. costea os
desplazamentos de Alonso Ríos por varios pobos da provincia de Ourense
(Celanova, Bande, Trives, Barra de Miño, etc.) (348). En gran parte a
resultas deste traballo, tivo lugar a fins de outono de 1933 un congreso
agrario da provincia de Ourense, convocado pola F.P.A. e pola «Federación de Sociedades Agrarias e
Culturales de Buenos
Aires» (afecta ó P.G.). Estaban representados 64 sindicatos e
asociacións agrarias ourensanas o que constituíu un importante éxito
levadas alí co propósito de funda-Ia Federación Provincial Agraria de
Ourense (349). Polo demais, nin que dicir ten que o P.G. postulaba que as
sociedades agrarias habianse de asentar sobor da realidade primaria da
parroquia. Neste senso, o dinámico líder agrario que era Alonso Rios (350), conqueriu que a F.A.P. asumise unha estructura organizativa en
base a asociacións parroquiais. En efecto, nun primeiro momento
asociábanse nos niveis municipal, de partido e xudicial, antes de facelo na Federación
Provincial (351), máis logo a proposta de Ríos
pasaron a estar directamente representadas na Federación Provincial,
suprimindose os escalóns intermedios (352). Para poder seguir levando a
cabo esta laboura, Alonso Ríos, que en agosto de 1933 pertenecía a
dirección do P.G., (353) tivo que abandonala dous meses despois, cando a
F.P.A., que estaba a dar firmes pasos para convertirse nun partido
agrarista, prohibiu a doble militancia (354).
De tódolos xeitos, Alonso Rios continuou sendo sempre un home do P.G.
Pasemos a referirnos ó problema do ferrocarril
que mantivo en tensión tanto á sociedade civil de Galicia como as suas
forzas políticas. En Nadal de 1931 estaba amenazada a continuación das
obras do ferrocarril central Zamora-Coruña, que por ser tan caras debido a
topografía do terreo, resultaban segundo Portela Valladares (355) unha carga para o Tesouro e un perxuicio para a
Compañía
do Norte. En Ourense tivo lugar unha asamblea na que estiveron
representadas 106 sociedades, tomándose acordos tan enérxicos como a
amenaza de folga xeral revolucionaria, causar baixa na contribución
todo o comercio de Galicia, renunciar a representación os deputados en
Cortes, presidentes de Deputacións e alcaldes, etc., no caso de que
cesaran as obras do ferrocarril. As declaracións de Indalecio Prieto
causaron gran alarma e conseguintemente o presidente do Comité pro
ferrocarril Zamora-Coruña, Fabrega, promoveu reunións de parlamentarios
para que estes efectuasen as oportunas xestións. Fabrega pronunciábase
pola renuncia dos deputados no caso de que a suspensión se confirmara (356). Otero Pedrayo, na reunión do Comité provincial de
Ourense (sic) do P.G. anuncia a sua disposición a renunciar ó escaño
en caso necesario, e a intención do P.G. de loitar contra dunha medida
que comprometería gravemente o futuro económico de Galicia e deixaría
no paro forzoso e en situación de indixencia a perto de 15.000 familias
proletarias. Para Portela Valladares era absurdo que o Goberno concedera
cretos para realizar obras nas provincias afectadas polo paro forzoso,
deixando sin recursos obras en construcción que, como ésta, ó
paralizárense, xenerarían meirande paro. Os estudantes de Santiago
sensibilizados polo tema efectúan unha folga que «El Ideal
Gallego» califica de galeguista (357)
no transcurso de cal colocan a
bandeira galega en sustitución da española no concello santiagués. O
tempo que o «Comité interprovincial de trabajadores pro
ferrocarril» alerta á poboación sobor do perigo que se cierne (358),
no Parlamento teñen lugar varias reunións de deputados por Galicia e
Zamora para discutir a estratexia a seguir en caso de paralización das
obras. Perfílanse duas tendencias, unha máis conciliadora e outra
máis enérxica, partidaria de renunciar ás actas en caso extremo.
Nesta última tendencia aliñábanse os deputados galeguistas (359), e na
primeira un sector da minoría do P.R.G. que secundaba a Casares no seu
posicionamento co Goberno a prol da paralización (360). Entrementres o
Goberno, á vista do estado de ánimo reinante, acorda conceder un creto
para continuar as obras durante un mes, por ser este o plano requerido
para realizar un estudo da viabilidad da continuación das obras. Non
por elo cesa o desacougo e en Pontevedra e Santiago teñen lugar
asambleas nas que se debate a cuestión. Especial importancia tivo a de
Santiago, convocada polo «Comité pro ferrocarril de Ourense»,
na que participaron numerosos Axuntamentos e as Deputacións de Zamora e
Galicia, e entidades económicas (Cámaras de Comercio, etc.) amén
dalgúns deputados e representantes de partidos. Bóveda polo P.G. fixo
fincapié en que a construcción do ferrocarril galego era un deber de
xusticia, e non un privilexio, dado que Galicia dispuña dunha
infraestructura ferroviaria inferior á doutras rexións, e polo demais
xa a tiña dabondo pagada co que tributara á Facenda sen contrapartida
equitativa. Propugna agardar polo informe técnico para encamiña-la
protesta. O cabo, a Asamblea concluíu que o Estado debería aportar as
cantidades precisas para prosegui-las obras ó mesmo ritmo de
execución, declarando solemnemente que estas eran de interés rexional
e nacional. En caso de paralización confían nas xestións dos
deputados, ben entendido que en último extremo suscribirían as
radicais conclusións da Asamblea pro-ferrocarril celebrada en Ourense o
10 de Nadal de 1931. Otorgou tamén un voto de confianza ó «Comité pro ferrocarril de Orense»
par que proseguise as suas
xestións (361). Abrese un compás de espera no que se suceden as reunións
e negociacións, plantexándose diversas alternativas para viabilizar
económicamente o proxecto. O P.G. é acusado (semella que por González
López) de defender a construcción do ferrocarril con argumentos
pueriles e de utilizar a cuestión como un pretexto de axitación
popular (362). A actitude enérxica que mantén, manifestando:
«[...] a sua adhesión pra todo canto se
faga en pro do dito ferrocarril, e que si unha vez agotados todolos
meios legais non se percura do Estado a subvención necesaria pra qu'as obras
continúen, levar a
cabo os actos de protesta que de común acordo coas demais forzas se poñan
en práutica» (363) |
estaba na raiz das críticas que recibe. Os
deputados por Galicia actúan unidos e con dilixencia, releando co
Goberno e plantexando unha interpelación parlamentaria que non se
chegou a producir (364). Pesia todo os resultados non se ven por ningures, e
teméndose a paralisación das obras, en Ourense declarase unha folga
xeral pacífica que é seguida en parte da provincia (365). Nunha
manifestación celebrada en Ourense capital, na que se portaban carteis
contra Prieto e Casares Quiroga, o gobernador civil (posto por Casares),
ordena cargar producíndose varios feridos de bala, e a tráxica morte
dun rapaz de 15 anos, Jenaro Ortiz, membro de «Ultreya». A
actitude do P.G. consiste en pedir serenidade e, nuns termos de gran
moderación, solicita a dimisión do gobernador Varela Radio (366). A
protesta espállase estimulada pola represión e pola noticia de que a
paralisación sería inevitable. En Pontevedra e Vigo dimiten a maioría
dos concellais (os socialistas non secundan inicialmente o movimento
dimisionario) (367), e en Santiago o fai a Corporación de cheo
(368). En
Ourense a folga xeral prolongase durante varios días sin que nos demais
puntos de Galicia se decidan as forzas sociais e políticas a
secundala. De tódolos xeitos a fervescencia popular é grande como e
testimuña o feito de que os concellais socialistas de Vigo se visen
obrigados a dimitir a pesares de non estaren dacordo. No Parlamento,
Basilio Alvarez, Martinez Risco e Villanueva presentan unha
interpelación sobor da actuación da Guardia Civil en Ourense apoiada
por Otero Pedrayo, que tamén protesta polo trato violento dado polas
autoridades ó pobo ourensán que contesta Casares Quiroga, argüindo que
primeiro foran guindadas pedras sobor das forzas do orde (369). En tanto
que unha comisión negociadora desplázase a Madrid, Pontevedra e
Santiago unense a folga de Ourense (370), seguidas axiña de Lugo e Lalín.
O cabo, o Goberno cede e otorga un creto de 20 millóns para
prosegui-las obras; ademais busca un plan definitivo que permita
rematalo trazado do ferrocarril galego, que queda comprendido nos de utilidade
nacional (371).
A conflictividade social foi paseniñamente
esmorecendo, pero os ánimos nos recuperaron completo acougo. O
presuposto para a construcción do ferrocarril central galego foi
aprobado pero sen consignación. Tratábase de que Galicia aportara o
50% do custe da continuación dos traballos ferroviarios, cousa na que
estiveron dacordo a meirande parte dos deputados da área afectada, pero
non así o P.G. que discrepaba por considerar que a inxusticia
tributaria que pesaba sobor de Galicia facía que xa o tivera pagado
sobradamente (372). No mes de xuño o problema volta a enguedellarse
novamente. Prieto presenta un «Plan de Urgencia» no que somentes constaba que o Estado
construiría os ferrocarriles
Ferrol-Xixón e o tramo Santiago-Coruña, quedando fora os tramos
principais, comprendidos entre Zamora e Ourense. Castelao e Otero
Pedrayo acusan a Casares Quiroga de actuar maquiavélicamente pensando
na súa provincia que saía claramente beneficiada (373). No xantar
celebrado na «Barxa» (Vigo) o 25 de xullo, Castelao manifesta que os
deputados galeguistas puñan o máximo empeño en lograr que o primordial
tramo marxinado fora tamén costeado polo Estado. En caso que non o
conqueriran propugna, non unha folga, «que al fin y al cabo iría en
perjuicio de Galicia» , sinon a negativa a pagar as contribucións:
«Porque en nuestro país añadió en donde fracasaron tantos
ministros de Hacienda, el único que no fracasó fue el contribuyente, y
desde luego, el gallego, esclavo secular del fisco, que tributa más del
noventa por ciento, en tanto otras regiones no llegan al veinte. Pues si el ferrocarril no se
consigue, se impone que por una vez fracase el
sufrido contribuyente de Galicia» (374).
|
A Asamblea de «forzas vivas»,
celebrada en Ourense a fins de xuño, rexeita o procedimento de que os
municipios afectados tiveran que contribuir a costear o tramo
Zamora-Ourense. Xa que logo, o «Comité interregional pro
ferrocarril» encomenda ós deputados a defensa deste acordo (375). Pero
estes actuaban cada vegada con meirande desunión e canseira; dos 45 de
que dispuña Galicia, soamente unha ducia escasa acudia ás reunións nas
que se planificaba a estratexia a seguir para resolve-lo problema
ferroviario (376) . Entre os máis activos negociadores estaban: A. Villar
Ponte, Portela Valladares e Castelao (377). O cabo, a Comisión de Obras
Públicas, acordou que o anaco comprendido entre Zamora e Ourense fose
construído con cárrego ós presupostos do Estado (378). Semella que as
xestións de Becerra e o socialista Gómez Osorio foron cruciais (379).
Pero non remataba aquí o «vaivén cardíaco» da cuestión
ferroviaria. Cando o vento soplaba de popa e as comisións
parlamentarias de Presupostos e Obras Públicas, dictaminaron
favorablemente o proxecto, baten co último farallón: a aceptación do
Goberno para presentalo as Cortes (380). A demora que isto comportaba
fixo planear novamente a pantasma da paralización, co conseguinte paro
obreiro que xeneraba. Por elo son os traballadores da construcción do
ferrocarril quén erguen con maior forza a sua voz de protesta; o
Comité da Casa do Pobo de Ourense amenaza coa folga xeral (381); prodúcense os primeiros despidos
(382) e a protesta extendese a outros
sectores, (como as Cámaras de Comercio). O Goberno foille dando largas
ó asunto e entramentres as obras ficaron completamente paralizadas. No
presuposto de Obras Públicas presentado por Prieto ó Parlamento
introdúcese a construcción dunha estación subterránea de enlace en
Madrid, evaluada en 300 millóns de pts.(383); pero nada se di da
financiación das obras do ferrocarril Zamora-Coruña. Otero Pedrayo
protestou, pero soamente tres deputados galegos (o propio Otero, Picallo
e Martínez Risco, de A.R.) votaron en contra do presuposto, que foi
así aprobado, mercede en gran parte ós votos dos socialistas e
radicais-socialistas (384). As obras cesaron e pouco a pouco o tema foi
caendo no esquecemento, crebado de cando en cando por algunha que outra
xestión parlamentaria infructuosa ou a petición de tal ou cal entidade
(385). Así continuou a cuestión ata que en outono de 1933 circulou por
Ourense a xubilosa nova de que o Goberno concedera un creto de tres
millons seiscentas cinconta mil pts. para reanuda-las obras (386). Polo
momento quedaba resolto o problema.
NOTAS:
|